Monday 29 de April de 2024

O Mesón do Vento servirá esta fin de semana máis de 2.450 quilos de lacón con grelos


A XVIII Festa do lacón con grelos acentúa o aspecto lúdico e festivo desta cita gastronómica. O I Encontro Folclórico contará con máis de 80 bailaríns. Tamén haberá obradoiros infantís, artesanía, disfraces, probas de andadura cabalar e de agility canina, entre outras novidades

Os restaurantes e establecementos do Mesón do Vento xa se están preparando para vivir unha das fins de semanas máis festivas, a da XVIII Festa do lacón con grelos. Nesta nova edición cociñeiros e cociñeiras traballarán arreo para preparar os máis de 650 quilos de lacón, chourizos e carne, e os máis de 900 de patacas e 900 de grelos que se servirán a festeiros, festeiras e participantes das moitas actividades e probas organizadas para os vindeiros días. O programa desenvolverase durante o sábado e o domingo 12 e 13 de marzo. Ambos os días a nave de gando acollerá unha gran feira de artesanía na que arredor de 15 artesáns porán á venda todo tipo de produtos e creacións.

Para dar comezo á gran festa está previsto, dende as 12 horas, o I Encontro Folclórico no que máis de 80 bailaríns interpretarán pezas clásicas do repertorio tradicional da zona con música en vivo. Nel participarán a Agrupación Folclórico-Cultural Sementes da Arte, a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo e o Grupo de Danzas Asociación Cultural Veciños de Leira. Xa a partir das 17 horas terá lugar o tradicional desfile e o concurso de disfraces, no que este ano teñen confirmada a súa asistencia preto de 200 participantes entre comparsas e categorías individuais. En total repartiranse máis de 1.000 € en premios.

Degustacións culinarias
Como é habitual o día grande será o domingo, 13 de marzo. Unha xornada que incluirá dende as 11.30 horas a proba de andadura federada galega de 2 e 4 tempos. Media hora máis tarde comezará a proba de agility canina. Como non podía ser doutro xeito tamén haberá degustación do lacón con grelos nos bares e establecementos da zona. Á par tamén terá lugar unha concentración moteira na que participarán diversos clubs da provincia.

Tras unha sesión vermú con música en vivo e en directo disputarase a iso das 15.30 horas a carreira de trotadores andadura. O resto de competicións iniciaranse ás 16.30, 17 e 17.30 horas, coas carreiras de trote de trotadores, andadura federada 2 tempos libre e carreira de burros. En total entregaranse máis de 2.100 € en premios. Os xinetes interesados en formar parte das probas deberán inscribirse a través da Federación Galega de Hípica, sendo requisito indispensable estar en posesión da licenza federativa e cabalar.

Por primeira vez os máis novos e novas terán o seu propio espazo nesta festa. Neste día grande de festa para eles e elas están previstos obradoiros artesanais gratuítos ás 12 e ás 16 horas. Neles o papel e o coiro serán os materiais cos que máis se traballará. Tamén poderán participar nos obradoiros de cociña nos que aprenderán a facer filloas doces e salgadas. Neste caso as prazas serán limitadas polo que haberá que solicitalas e aboalas ata mañá venres, día 11, no mesmo Concello.

Con todo isto o Concello de Ordes pretende dar un novo pulo a esta celebración acentuando o seu carácter lúdico e gastronómico.